Verificación de idade: próximo desafío regulatorio para as plataformas dixitais
Saltar ao contido principalSaltar ao pé de páxina

Opinión

Carlos Varela García

Verificación de idade: próximo desafío regulatorio para as plataformas dixitais

En todo o mundo, os gobernos están debatendo o que é ser «demasiado novo» para usar as redes sociais, e moitos están a implementar leis para protexer aos menores de 16 anos do acceso á «praza pública» de internet. Segundo as pesquisas recentes, os menores de 9 a 17 anos de idade acceden a internet a contidos restrinxidos para adultos e outros «servizos de alto risco» carecendo de métodos fiábeis de verificación de idade e de identidade dos usuarios.

A navegación a través de internet de nenos/as e adolescentes ofrece un dilema a educadores, familias e autoridades regulatorias implicadas na protección deste grupo no mundo dixital. Por un lado, as plataformas proporcionan diversas oportunidades de desenvolvemento de habilidades educativas, comunicativas e creativas. Por outro, traen riscos para a súa saúde física e integridade psicolóxica.

Os riscos a que se expoñen os menores divídense en tres grupos. Riscos referentes a contidos masivos de tipo violento, enganoso, racista e sexual. Riscos de contacto como bullying, manipulación, rastreo ou recollida dos seus datos persoais. Riscos de conduta como apostas, acceso a contidos ilegais, produción de contidos sexuais ou incitación a prácticas destrutivas. Aínda, pódese identificar un risco contractual, referido á relación entre provedores dixitais e menores. Este risco reflicte a comercialización de datos persoais dos menores comprometendo a súa privacidade e proporcionando ás plataformas un importante activo económico, base do seu modelo de negocio.

Este panorama leva os gobernos a establecer lexislacións máis ríxidas, que esixan mecanismos sólidos de verificación de idade por parte das plataformas de internet, contemplando inclusive o uso de intelixencia artificial a partir de fotos e recoñecemento facial ou verificacións por número de móbil ou documento de identificación.

Malia ao requisito de 13 anos como a idade mínima común en moitas plataformas, algúns defenden a idea de prohibir totalmente a creación de perfís a menores de 16 anos. Outros entenden que a verificación obrigatoria de idade para contidos de adultos impedirá que calquera persoa use a web de forma anónima e implicará o procesamento masivo de datos persoais de todos.

A Comisión Europea traballa a prol dun enfoque harmonizado de verificación de idade en colaboración cos Estados membros. A Lei de Servizos Dixitais (DSA) esixe que as grandes plataformas tecnolóxicas soliciten a verificación de idade aos usuarios sempre que sexa necesario para reducir os riscos para os menores. Unha simple autodeclaración, por exemplo, «Teño 18 anos», non é suficiente para sitios con contido para adultos. Porén, os Estados membros da UE poden impoñer normas nacionais máis estritas, e algúns xa o fixeron. Así, o Parlamento portugués vén de aprobar unha lei que prohibe o acceso a redes sociais a menores de 16 anos. Con todo, os maiores de 13 anos deberían poder usalas co consentimento parental verificado. Asemade, as grandes empresas tecnolóxicas «deberán implementar un mecanismo de verificación de idade compatible co sistema de «Clave Móbil Dixital» ou outro sistema similar.

Portugal uniuse a estes países que desexan limitar o uso de Facebook, Instagram, TikTok, etc. por parte dos menores. A lexislación recentemente aprobada ten dous obxectivos. O primeiro é implementar un mecanismo obrigatorio de verificación de idade para garantir que os menores só poidan crear contas co consentimento parental. O segundo é reforzar a protección dos propios novos, impoñendo normas específicas ás plataformas, en particular no que respecta á limitación de algoritmos potencialmente aditivos. Paralelamente, a recente lexislación brasileira (Estatuto Dixital da Infancia e Adolescencia) implementou medidas destinadas a protexer aos menores na contorna dixital. Trátase dun texto normativo moi elaborado e socialmente avanzado no que participaron diversos grupos de traballo integrados por máis de 70 entidades, gremios empresariais e organizacións da sociedade civil. Coa súa entrada en vigor (17 de marzo de 2026) é obrigatoria a “verificación de idade” para as plataformas dixitais, establecéndose un marco legal rigoroso que fomenta a corresponsabilidade entre pais, autoridades, sociedade e plataformas.

A futura lexislación española poderá beneficiarse destas propostas regulatorias avanzadas baseadas en tres principios: O primeiro, que os datos de verificación de idade non poderán ser utilizados para ningún outro fin. O segundo, o da minimización de datos e a súa eliminación inmediata, con prohibición de almacenamento, unha vez comprobada a idade apropiada. Finalmente, o tratamento de datos sensibles dos menores requirirá o consentimento específico e claro, outorgado polo menos por un dos pais ou titor legal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents