Opinión

Investigador da cultura galega
Galiza no imperio de Tamerlán
De sempre este confín, con vocación de extremo occidente, sentiu atracción polo exótico, polo atractivo oriente, onde non faltan historias de misioneiros, anxos ou demo, predicadores, comerciantes, aventureiros galegos.
Parámonos aquí en Asia Central, no Uzbekistán, na antiga Ruta da Seda, entre oriente e occidente, con cidades como Samarcanda, Buxara, Xiva, Tashkent, hoxe a capital. Encrucillada indoeuropea de antigas culturas, como a de Andronovo, na Idade do Bronce, con tantas raiceiras no mundo celta... despois de influencias, mongolas, persas, anatólicas, rusas... en fin, de sometementos imperialistas. Hoxe paquete turístico para unhas exóticas vacacións.
As viaxes caravaneiras do mozo mercador veneciano Marco Polo cara China (1271-1295), foron escritas no Libro das Maravillas por Rustichelo de Pisa, amante tamén do ciclo artúrico estando ambos encadeados en Xénova. Páxinas nas que se detén en Samarcanda, cidade naquel momento en sorprendentes obras propiciadas polos mongoles que a ocupaban, baixo as directrices de Xenxis Khan. Fascinantes descricións, esenciais na literatura de viaxes: o sol avermellado dos seráns reflectíndose nos azulexos con xeometrías florais turquesa dos iwans, das cúpulas, entre os minaretes, os xardíns... a convivencia entre as diferentes relixións.
Abondan as narracións de viaxes a oriente, máis as dos anos do romanticismo, as daqueles curiosos impertinentes, que tanto axudaron á creatividade, ás relacións, tal como foron as de Adolfo Ribadeneyra no seu de Ceylán a Damasco, as de Lamartín, Chateaubriand, Rimbaud, Richard F. Burton, Burckhardt ou as de lady Esther Stanhope, tan en relación con John Moore e a Coruña... apaixonados dos desertos árabes, da espiral dos camiños do oriente. En canto ao literatura actual, non podemos deixar de ler El corazón perdido de Asia, do británico Colín Thurbrón, sobre unha viaxe feita no 1992, cando a Unión Soviética se esfarelaba.
Uzbekistán, de 1924 até o 31 de agosto de 1991, república socialista da federación soviética (URSS) até que esta se disolve. Anos nos que prima o cultivo do algodón e unha arquitectura funcional, de asépticos bloques, en contraste co decorativismo da tradición mongol e islámica. Anos nos que sufrirán a aculturación herdos tan fundamentados no relixioso. Territorio agora en alianza comercial cos Estados Unidos, con tan exótico patrimonio a mirarse no espello escenográfico de Las Vegas. Todo se sofistica, as mesquitas, madrasas, mausoleos, prazas, zocos, os hoteis... mesmo os souvenirs e canto significa a identidade.
De Marco Polo ao expedicionario galego Paio Gómez de Soutomaior
Abonda outra bibliografía de expedicións ao Uzbekistán, mesmo descoñecida polos guías, tantas veces máis sometidos aos intereses comerciais dos seus clientes que aos culturais. Ao respecto, non debemos esquecer as diferentes edicións, incluso comentadas, sobre a Embaiada a Tamerlán, obra do madrileño Rui González de Clavijo. Comitiva de 14 persoas, entre elas o dominico predicador, teólogo e políglota, Gómez de Salazar que finou no camiño, Alonso Fernández de Mesa, Alonso Páez de Santamaría e outros, realizada no 1403 como embaixada de Enrique III de Trastámara a Samarcanda. Viaxe de tres anos, feita coa ansia de buscar aliados contra os turcos e a fin de encontrarse co caudillo de sangue mongol e otomana, un Gran Tamerlán entón moribundo. Herdeiro e imitador do seu antecesor Xenxis Khan, emperador dende Delhi até Moscú, dende o norte de China até Anatolia e Siria.
Si ben, o que interesa a Galiza e compre saber e que, antes da expedición de Rui González de Clavijo, houbo quen abriu camiño e foi polo ano 1400, cando o mesmo Enrique III de Trastámara, casa con orixe en terras galegas do Tambre, envía para tal fin e como embaixador ao seu doncel, o pontevedrés de casta e rango, Paio Gómez de Soutomaior, descendente por vía materna do poeta e Adiantado Maior do Reino de Galiza Paio Gómez Chariño. Acompañábano, entre outros, Hernán Sánchez de Palazuelos, experto na loita contra os turcos, pois ambos xa loitaran cos otománs en Ankara, facendo prisioneiro ao sultán Beyazid. Sendo recibidos con grandes honras polo Tamerlán, con festas e regalos, como axudantes para o camiño de volta, xoias e mulleres, entre elas dúas damas irmáns gañadas no despoxo turco, de nomes Anxelina de Grecia e María Gómez. Anxelina de inspiradora beleza, así consta nas trobas de Alfonso Álvarez de Villasandino, sepultada na catedral de Segovia. Cobizada moza, motivo de rivalidades entre os Soutomaior que ocupaban boa parte de Andalucía e o que máis o devandito aventureiro Paio Gómez de Soutomaior, mariscal de Castela, de Cambados, Carril, Rianxo, Noia... finado no 1454, despois de tan intrépida vida e ter sobranceiro sartego en Santo Domingo de Pontevedra.
A ‘Canción de Samarcanda’, un libro de viaxes de Xavier Seoane
Un grupo de Amigos e Amigas dos Museos de Galicia, saíndo un 8 de outubro do 2025 realizamos unha viaxe a Uzbekistán en tempo apropiado e baixo as pautas de enxergar o devandito. Sumouse ao grupo a sensibilidade do profesor e admirado poeta Xavier Seoane, xunto a súa compañeira Fátima, o que, sabendo enxergar, tomou notas para resultar a Canción de Samarcanda (Diario de Uzbekistán), arredor do vivido entre as nostalxias daquelas paisaxes, de misterioso xogo dos Catro Elementos coas arquitecturas. Nova saga do camiño andado.
Libro que editaremos, páxinas que recollen dende as presas dos aeroportos, Madrid-Istambul- Tashkent, coa amalgama de xentes, idades, moda... o voo por ceos hoxe imposibles e inzados de mísiles e drons mortíferos... A chegada co amencer ouridourado, raramente vin albas como esta e o choque coa primeira impresión o mundo, cada vez, parécese máis idéntico. Máis a idea muda ao furar polo intenso labirinto dos mercados, a colocación xeométrica, fértil e colorista... Cidades que se estenden como unha alfombra persa, o monumento grandioso, ao xinete mongol omnipresente, Tamerlán... A viaxe en Talgo a Samarkanda, atravesando a inmensa chaira e na mente o contraste cos caravaneiros do pasado. E como non, o poeta lembra as Mil e unha Noite, outras Odiseas e a reflexión da vida como camiño... E Samarcada: as mesquitas e madrasas da Praza de Registán, as cúpulas e os minaretes xogando ao amor cun ceo en devalar. Reino das xeometrías, da cuadratura do círculo, do paso do caos ao cosmos, como ansiado Paraíso. Na noite un sofisticado espectáculo de luz e son realza a poesía de canto dicimos. Visita á fábrica de papel e na lembranza as tantas da ilustración e decimonónicas de Galiza. Sendo o papel tan esencial na cultura, como hoxe os plasmas. O observatorio de Ulugbek, do sc. XV, onde atar cabos terreais cos celestiais, o natural coa fantasía e sobrenatural... a Tumba do profeta Daniel. Os once mausoleos de Shakhi- Zinda... a mesquita de Bibi- Kanim, no solpor azul encetando un diálogo coa lúa e as estrelas.
O camiño a Buxará, os que vinte anos atrás xa tiña realizado. Tan cambiado todo: a parte antiga restaurada, como un gran plató para un filme. O complexo de Lyabi Hauz, que convén visitar tanto co bulir do día como na soidade estrelada. Sendo punto de encontro o monumento a Nasreddín e a súa mula, como un Sancho Panza, filósofo popular de retranqueiras fabulas coa conseguinte ensinanza. Arredores de estradas concorridas por flamantes Chevrolet... hoteis e xantares en lugares con sedutora decoración calidoscópica.
A visita aos palacios dos emires de Buxará, expulsados polos bolcheviques... o pozo do Santo Xob, a mesquita de Bolo- Khauz, a de Poi Kalyan, o minarete de Kalon, onde nos solpores o espírito cabalga sobre a luz. Noso poeta reflexiona sobre as buscas dos exquisitos modernistas.
O oasis da menos turística Xiva, reino da artesanía: dagas, cestas, cerámica... a influencia persa sempre presente. Na mente os versos de Omar Khayyam, cantor do viño, prohibido polo islam: cando bebo escoito ás rosas, / xazmíns e tulipáns. Cando bebo escoito tamén / o que non pode dicirme miña ben amada. E remata Xavier Seoane, vímolo ou soñámolo?
- As alternativas para entrar e saír da Coruña durante o corte total da Pasaxe durante unha semana
- Unha hostaleira de Oleiros sofre un desmaio no seu local e queda sen baixa laboral por ser autónoma
- Do Burgo ao mundo: así é Jagger, o impresionante gran danés de 85 quilos que fichou Zara
- O auxe das lavanderías na Coruña fai que pasen de solución puntual a rutina semanal: 'Hai xente que xa non ten lavadora en casa
- Tino Fernández, fortunas locais, a banca andorrana.... o quen é quen da construción na Coruña
- O local da Coruña que logrou o bronce á mellor hamburguesa de Galicia: 'Vendemos 1.500 ao mes
- O xulgado cita a declarar a Benito Portela tras ser denunciado de novo por desatender a orde de derriba de dous edificios de Sada
- Corte total do tráfico nun dos principais accesos á Coruña durante Semana Santa: este é o motivo