Carballo marca un cambio de ciclo: máis vivendas, solo industrial esgotado e novos negocios
Saltar ao contido principalSaltar ao pé de páxina

URBANISMO

Carballo marca un cambio de ciclo: máis vivendas, solo industrial esgotado e novos negocios

Nos últimos dous anos tramitáronse 124 licenzas de edificación e suma xa 14 non primeiro trimestre

Carballo recupera un dinamismo que non se vía desde os anos previos á crise de 2008.

Carballo recupera un dinamismo que non se vía desde os anos previos á crise de 2008. / C. C.

José Manuel Ramos Lavandeira

Carballo

Os últimos datos do rexistro de entrada do Concello de Carballo confirman unha tendencia ascendente e sostida na actividade económica e urbanística do municipio. O peche do exercicio 2025 e os primeiros datos do primeiro trimestre de 2026 amosan "un dinamismo que non se vía desde os anos previos á crise de 2008", subliñan dende o goberno local.

Destaca especialmente o rexurdir da vivenda colectiva e a plena ocupación do solo industrial. Así, a evolución das licenzas de edificación reflicte un cambio de ciclo importante. Tras varios anos (período 2016-2023) nos que a construción de edificios de vivendas foi practicamente nula ou anecdótica, os anos 2024 e 2025 marcaron un punto de inflexión con 76 e 48 novas vivendas en bloques de edificios, respectivamente.

O máximo rexistrouse en 2006, con solicitudes para un total de 1.138 vivendas. "Unha porcentaxe ampla non chegou a construírse debido á crise inmobiliaria que estoupou no 2008", subliñan.

O ano 2025 pechouse con 80 vivendas totais, a segunda cifra máis alta desde 2008 tras as 97 do 2024. No primeiro trimestre deste ano xa se tramitaron licenzas para 14 novas vivendas (9 en edificios e 5 unifamiliares).

Solo Industrial

O sector industrial continúa a ser o motor económico do concello e da comarca. O Parque Empresarial de Bértoa, cuxa primeira fase (construída en 1988) conta cunha ocupación superior ao 90%, deu paso a unha segunda fase con 718.000 m2 de superficie e cuxas parcelas están xa vendidas na súa totalidade.

Entre os anos 2011 e 2025, desde que comezou a construción da segunda fase, a media de licenzas para naves industriais situouse preto das 11 por ano (10,8). Destaca o pico de 24 naves en 2017.

Desde o Concello seguimos insistindo na necesidade de desenvolver coa maior rapidez posible a terceira fase proxectada, que sumará outros 443.000 m2, para dar resposta á alta demanda de empresas que queren instalarse no municipio.

Apertura de negocios

Pola súa banda, a vitalidade comercial de Carballo tamén amosa sinais de robustez. No 2025, as comunicacións previas de inicio de actividade alcanzaron as 95 solicitudes, "a cifra máis alta dos últimos 8 anos, desde as 108 solicitudes do 2017", destacan dende o goberno local.

Este dato, engaden, "case duplica as cifras de anos como 2013 ou 2024, o que sinala unha clara recuperación na confianza dos emprendedores e pequenos empresarios locais".

No primeiro trimestre deste ano xa se contabilizan 12 novas actividades, entre elas unha para un restaurante dun garfo na Revolta, que continúa a súa expansión como zona comercial e de servizos.

Referente en crecemento

"Os datos globais reflicten que Carballo superou o longo período de estancamento post-2008. A combinación de novas promocións de vivendas en altura, o esgotamento do solo industrial dispoñible por éxito de vendas e o incremento na apertura de negocios sitúan ao municipio como un referente de crecemento en Galicia", afirman dende o goberno local, que preside Daniel Pérez.

O Concello, afirman, "seguirá traballando na axilización administrativa e na dotación de infraestruturas para que esta tendencia positiva se manteña".

Evolución desde o ano 2003

O rexistro contabiliza dende o ano 2023 un total de 4.189 licenzas de vivendas, se ben algunhas edificacións non se fixeron debido á crise inmobiliaria.

No eido industrial o Concello tramitou licenzas para 251 naves, e un total de 2.489 de licenzas de actividade.

Tracking Pixel Contents