Saltar ao contido principalSaltar ao pé de páxina

A Xunta deseña unha sinalización única para que non haxa confusións na prohibición de vender bebidas enerxéticas e vapeadores a menores

O Consello Consultivo analizará a orde que obrigará aos comercios galegos a exhibir carteis tanto en galego como en castelán

Jóvenes con latas de bebidas energéticas en la capital gallega

Mozos con latas de bebidas enerxéticas na capital galega / Xoán Álvarez

Xa nos segues?Márcanos como medio preferente
Engádenos en Google
Santiago

Os menores de idade teñen, desde o pasado mes de marzo, prohibido en Galicia consumo de bebidas enerxéticas e cigarros electrónicos. Os comercios non poden, por tanto, venderlles estes produtos. Para que non caiban dúbidas sobre esta cuestión, o Executivo autonómico deu luz verde este luns á tramitación da orde que regulará os carteis oficiais sobre as prohibicións relativas a estes produtos.

O Goberno galego busca deste xeito, segundo trasladou o seu presidente, Alfonso Rueda, evitar distintas interpretacións da norma sobre como deben ser os carteis e onde colocalos para a correcta información á cidadanía. E é que a posesión ou transporte, sempre que non sexa por motivos laborais acreditables, por parte de menores de 18 anos tamén é sancionable con multas de entre 200 e 3.000 euros, podendo ser máis en caso de reincidencia. 

Os carteis, que serán remitidos ao Consello Consultivo para a súa toma en consideración, serán accesibles na web da Consellería de Sanidade para facilitar o seu uso polos sectores económicos implicados. Estes anuncios deberán ser permanentes, estar escritos en galego e castelán e o tamaño mínimo debe ser DIN A4. Tamén deben ser visibles tanto desde o exterior como desde o interior do local.

Tal e como explicou o presidente galego, o obxectivo é que exista “unha única sinalización en toda Galicia” que deberán usar en todos os locais que vendan este tipo de produtos como supermercados, bares, estancos ou tendas de videoxogos. A norma xa prohibía, por exemplo, a súa venda e subministración en espazos destinados a menores, como centros de lecer, recintos de espectáculos, centros de acollida, centros docentes ou centros sanitarios.

Fonte: O Correo Gallego

Tracking Pixel Contents