O pensador Antón Baamonde presenta na Coruña o seu ensaio para unha revolución tranquila: "Galicia é urbana e debería de funcionar como cidade única"
Saltar ao contido principalSaltar ao pé de páxina

O pensador Antón Baamonde presenta na Coruña o seu ensaio para unha revolución tranquila: "Galicia é urbana e debería de funcionar como cidade única"

A obra de Baamonde, presentada na libraría Berbiriana, abrangue a necesidade dun plan de futuro para Galicia, desde a industria ata a cultura

Antón Baamonde, cun exemplar do seu libro, en Berbiriana.

Antón Baamonde, cun exemplar do seu libro, en Berbiriana. / Carlos Pardellas

A Coruña

O ensaísta e articulista Antón Baamonde presentou este martes o seu libro Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila na libraría Berbiriana xunto a "dous colegas", como el mesmo os nomea, o exalcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a xornalista Fernanda Tabarés. Baamonde é autor dunha obra entre o literario e o filosófico pendente de ollar á sociedade galega. A través de ironía e socioloxía, o escritor esmiuza a industria, a cultura, as cidades ou a economía de Galicia. Neste último traballo, publicado coa editorial Galaxia, Baamonde propón unha lectura renovada sobre Galicia, o seu potencial e, ante todo, as súas posibilidades futuras.

O seu ensaio Agora non é antes marca o ton desde o título. Canto significado ten esa frase certamente?

O título desta obra expresa claramente que agora non é antes, é dicir, estábamos vivindo unha enorme mutación de Galicia. Hai que saber recoñecer a distancia entre o modo en que percibimos Galicia e o modo en que é. Hai unha especie de imaxinario herdado, un xeito de ver cuns ollos que non se corresponden coa experiencia do noso día a día. Non sempre, pero deberíase mirar dun xeito máis positivo. Pero isto non é só en Galicia, quero decir, tamén sucede no mundo que cambiou.

Ese ollar positivo, considera que a sociedade galega mírase de xeito negativo?

Galicia está empezando a cambiar. Hai unha tendencia a identificar Galicia coas vacas, co rural; unha idea do territorio como se mirásemos constantemente cara a atrás. Coidado, podes quedarte conxelado mirando para o pasado. A idea importante é entender que Galicia debe estar ligada a algo máis luminoso e de futuro. Palabras como moderno, avanzado ou progreso son un pouco toscas, pero son útiles para entendermos do que estamos falando. Débese acentuar que Galicia tamén é a súa tradición culta, que atende ao pasado e ao presente. En Galicia temos que ter unha estratexia para construir o futuro.

Que é unha revolución tranquila?

A expresión ten que ver coa década dos anos 60 en Francia, no rural. Viveu un proceso de cambio e destrución moi grande. Fíxose dun sitio moi católico e de valores moi conservadores a gran transformación a través da tranquilidade, liderada polo Partido Liberal, un partido con medidas moi progresistas. Este cambio económico e social debería de ter como corolario un cambio político e cultural que, contrariamente, se observa menos. Observarse máis tal vez na cidade galega, onde si habería forzas que deseñaran un proxecto de futuro máis consistente, por dicilo dalgunha maneira. A revolución que non acaba de chegar é a transformación política.

A revolución está sucedendo ou é unha proposición teórica?

Fun cara a un argumento máis alá e insinúo que estamos nun cambio de era, no sentido de que hai algo detrás de nós. Hai un movemento obreiro, pero non ten a dimensión de futuro que tivo a Unión Soviética antes. Estamos posiblemente nunha fenda da propia Ilustración e do coñecemento, é dicir, aquela corrente de ideas que viña de lonxe está en crise e ten inimigos. Estamos saíndo do período da Ilustración e entramos nun período crítico no mundo, en Galicia. Contrariamente, este é o resultado dun momento positivo desde o punto de vista económico e social. Desde o punto de vista cultural, habería moito que dicir.

Propón a necesidade dunha nova narrativa colectiva para Galicia, cales serían os requisitos?

A cultura urbana está extendida por todo o país. Entón, o primeiro, a cultura galega ten que declinarse atendendo a este feito. Debe entenderse a si mesma como un lugar de produción e non de rescate do pasado. Tamén deben atopar as formas de construción e expresión para atender á Galicia en vivo e en directo. Eso no sentido amplo de producións cinematográficas, literarias, culturais, etcétera. Na medida do posible deben de contribuír a devolvernos un espello de nós, do noso presente. Por outro lado, Galicia é urbana e debería de funcionar como a cidade única. As cidades son os lugares nos que somos máis libres e onde se dá innovación e creación de valor. Galicia, tomada toda en conxunto, é pequena. Podería potenciar e aumentar a súa trama urbana. O tren da Coruña a Vigo, unha conexión moi importante, debería estenderse ás sete cidades como un anel de tren, para elevar esta capacidade de laboratorio de ideas e de creación que cumplen as cidades.

Que sucede coa industria? A sociedade non pode ser só cultural.

A nivel industrial, nos últimos lustros, o producto industrial agregado bruto de Galicia é maior incluso que o do País Vasco. Realmente, a sociedade galega transitou por unha especie de revolución industrial que pasou desapercibida nas últimas décadas. Hai un eido económico-industrial que naceu, ben cara a Citroen ou a Inditex, como con un sector de contract. O contract é este ámbito empresarial que deseña, constrúe e instala para multinacionais, como Burguer King, compañías hoteleiras ou de transatlánticos. Contamos con un segmento industrial bastante potente, non só da conserva e do agroalimentario, que eso todo o mundo sabe. Pero todo isto pasa desapercibido por causa destas imáxenes estereotipadas herdadas, que non son capaces ou útiles de identificar isto. Debemos mudar para que esta visión non faga do galego unha reliquia oxidada.

Onde queda o campo nesa revolución tranquila?

O rural debe xestionar os seus medios, a riqueza, a integración social e a inmigración, que vai a ser moi importante no futuro inmediato. Hai algúns cálculos que elevan as porcentaxes máis grandes de migración porque hai unha natalidade baixa, pero, ao mesmo tempo, existe carga de traballo. Hai que xestionar con políticas de vida e compoñer un proxecto de modernización desde os límites. Neste momento, na miña opinión, non hai esta estratexia nin nas forzas políticas nin na sociedade. Moitas veces se lle atribúe ao atraso galego o que realmente non é. Este é o producto moi concreto de toda a regresión que supuxo franquismo, que tamén existiu no campo.

E esa transformación que falta está detrás da modernización?

A ver, esa modernización económica e social, cales son os factores dos que depende? Entrar na Unión Europea, a globalización ou a propia preexistencia en Galicia de elementos que teñen que ver Know How en moitos segmentos, desde a construcción ao agroalimentario ata o gran éxito de de Inditex. Non é que a que as administracións non fixeran nada, iso sería inxusto tamén. Hai centros tecnolóxicos ou comunicacións por todo tivo de vía; houbo construción de universidades, por exemplo. Pero digamos que esta modernización económica e social foi en gran medida derivada deste tipo de factores industriais. Eu abogo por una política industrial e por intentar dar argumentos para un debate colectivo entre política, sociedade e empresarios.

Comenta un fin de era, un momento de cambio. Pero, como está o mundo?

Hai unha potencia en ascenso, China, e outra potencia en declive que se sabe claramente cal é. Iso nos sitúa ante o que lemos todos os días no xornal. Son conflitos dun taboleiro de xadrez e nel se xoga ese poder. Agardemos que non nos arrastre ao desastre, estamos nun momento de moita inquedanza.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents