Saltar ao contido principalSaltar ao pé de páxina

Saúde mental

A previr o suicidio tamén se aprende

A Xunta, recoñecida polo seu labor a través do programa YAM, que se aplica á educación

Sesión del programa YAM en Vilagarcía.

Sesión do programa YAM en Vilagarcía. / Noé Parga

Carmen Villar

Santiago

En Galicia máis de 300 escolares están a ser monitorizados polos seus docentes e polo 061 por risco de suicidio e é tamén nas aulas, onde o alumnado recibe boa parte dos coñecementos e destrezas para converterse no cidadán do mañá, onde actúa a Administración a través doutra fronte: o da prevención con programas como YAM, mediante o que aposta polo coidado da saúde mental da poboación actuando en 173 centros educativos nos que se imparte ESO, con máis de 12.000 estudantes beneficiados.

Ese labor mereceu agora o recoñecemento da Unidade Administradora do FSE, dependente do Ministerio de Traballo e Economía Social, como “actuación máis destacada no ámbito da innovación social”. Diso informou este xoves a Consellería de Sanidade, que indica que o galardón foi recollido en Bilbao por representantes da Subdirección Xeral de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde e da Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda.

Debate con instrutor e "helper"

As sesións do programa YAM (as siglas en inglés de “Youth Aware of Mental Health” (mocidade consciente da saúde mental), no que actúan man a man as Consellerías de Educación e de Sanidade, diríxense na actualidade ao alumnado de 3º de ESO . Neses talleres, os estudantes aprenden e debaten sobre saúde mental a partir dunha metodoloxía que naceu no Instituto Karolinska de Suecia, entidade que forma aos instrutores, e que tamén se aplica noutros territorios.

O labor dos instrutores compleméntase cun programa de voluntariado social para que reciban apoio na aula dun axudante denominado Helper, adestrado para manter nas clases un ambiente que permita desenvolver o programa e facilitar a participación do alumnado e que ademais presta atención ás reaccións dos estudantes para poder avisar ao instrutor se fose necesaria unha atención individual, como explican desde o Goberno galego nun comunicado.

Segundo indican os promotores do programa, que esixe un consentimento para a participación, este mostrouse «eficaz para reducir os novos casos de intentos de suicidio e a ideación suicida ao redor da metade en adolescentes sen problemas de saúde mental no momento da intervención.

Tracking Pixel Contents