Saltar ao contido principalSaltar ao pé de páxina

Acampa cesa a súa actividade en Galicia: fin a nove anos de defensa dos dereitos humanos

Continuará co seu traballo en Brasil | "Acampa seguirá viva e forte", expoñen

Asamblea de Acampa

Asemblea de Acampa / LOC

RAC

A Coruña

Acampa pon fin á súa actividade en Galicia. A asociación sumou nove anos de "compromiso e traballo, principalmente voluntario, na defensa dos dereitos humanos e o dereito a refuxio", segundo recolle un comunicado, no que explica que continuará coa súa actividade en Brasil.

Acampa tivo un forte vínculo coa Coruña, onde se organizaron encontros internacionais, exposicións fotográficas e relatorios, sempre coa paz no foco.

"Acampa foi, e segue sendo, un espazo de encontro, de aprendizaxe e de dignidade. Podemos sentirnos orgullosos do camiño percorrido. O feito de pechar esta etapa non invalida nada do construído; ao contrario, cremos que fala da nosa responsabilidade”, expuxo o presidente de Acampa, Roi Abad, en representación de todos os membros do equipo directivo. “Sabemos, ademais, que Acampa pola Paz seguirá viva e forte en Brasil , da man da súa coordinadora, a profesora Célia Regina Rossi” artífice anualmente --xunto ao seu equipo-- dun Encontro Acampa na cidade de Piracicaba.

A Xunta Directiva de Acampa pola Paz recoñece publicamente o "esforzo de todo o voluntariado, a implicación constante de moitas persoas e a colaboración imprescindible das organizacións que integran este movemento".

Insisten en que o cesamento da actividade en Galicia "non supón unha renuncia aos valores que nos unen: a defensa dos dereitos humanos, o dereito ao refuxio, a justicia social e a cultura de paz".

Tracking Pixel Contents