'ArgaQuest', o proxecto do Fernando Wirtz da Coruña que busca levar o galego ao mundo dos videoxogos
Saltar ao contido principalSaltar ao pé de páxina

'ArgaQuest', o proxecto do Fernando Wirtz da Coruña que busca levar o galego ao mundo dos videoxogos

O videoxogo do IES Fernando Wirtz de A Coruña foi galardonado co Primer Premio de Innovación Educativa polo seu enfoque lúdico para o aprendizaxe do galego

O grupo que desenvolveu o xogo xunto con Fernando Rodríguez

O grupo que desenvolveu o xogo xunto con Fernando Rodríguez / LOC

A Coruña

Atopar videoxogos en galego segue sendo complicado para a maioría da mocidade. Máis se son xogos destinados a aprender galego. E cando aparecen, adoitan semellar máis unha ferramenta escolar ca un xogo pensado realmente para enganchar. Desa sensación naceu ArgaQuest, o videoxogo creado no instituto Fernando Wirtz de A Coruña e que acaba de conseguir o Primeiro Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística concedido pola Xunta.

"Vimos que había aplicacións para aprender idiomas, pero case todas eran individuais e bastante repetitivas. Faltaba algo máis lúdico, máis competitivo e máis parecido ao que consome a xente nova", explica Fernando Rodríguez, coordinador do proxecto e profesor do departamento de Informática.

A idea do centro era clara dende o principio: crear un videoxogo en galego que non parecese un exercicio. "Queriamos facer algo cunha interface moderna, que tivese rivalidade entre amigos e que a xente xogase porque lle apetecía, non porque sentise que estaba estudando", resume. Así xurdiu ArgaQuest, unha aplicación multixogador na que os participantes compiten para formar a palabra máis longa posible a partir dun grupo de letras. Hai clasificacións, comodíns e incluso unha intelixencia artificial que tamén xoga en galego. "O efecto competitivo foi o que máis enganchou. A xente quería volver xogar para gañar aos amigos", conta Rodríguez.

O alumnado xogando polo dia das letras galegas ao 'ArgaQuest'

O alumnado xogando polo dia das letras galegas ao 'ArgaQuest' / LCO

O videoxogo naceu tras un pequeno estudo realizado polo propio alumnado para analizar que tipo de aplicacións existían no mercado para practicar galego. Segundo explica o profesor, detectaron rapidamente unha carencia importante: "Había ferramentas educativas, pero non había xogos que a xente puxese por diversión". A partir desa idea empezou un traballo no que participaron estudantes de diferentes cursos e especialidades, dende programación ata deseño gráfico ou difusión en redes sociais.

O proxecto acabou implicando preto de 150 persoas entre alumnado e profesorado. Participaron estudantes de ESO, FP Básica e ciclos superiores, cada grupo cunha función distinta. Uns encargáronse da programación, outros do deseño visual, da difusión ou das probas da aplicación. "Non foi o traballo dun alumno concreto nin dun departamento. Foi un proxecto de centro onde participamos sobre 150 persoas", insiste.

O proceso, recoñece, estivo lonxe de ser perfecto. "Houbo problemas de organización, cambios de última hora e moita coordinación entre grupos distintos, pero precisamente iso acabou sendo moi enriquecedor". O alumnado de FP Dual, encargado da parte técnica, desenvolveu boa parte da aplicación antes de incorporarse ás empresas nas que realiza prácticas. "Traballaron practicamente contrarreloxo", lembra.

Un dos obxectivos principais era achegar o galego aos espazos dixitais nos que normalmente predominan o castelán e o inglés. "Estamos nun contexto urbano no que ao galego cústalle entrar en certos ámbitos. Parecíanos importante levalo tamén ao mundo dos videoxogos", sinala o mestre.

O éxito sorprendeu incluso ao propio equipo. "Sabíamos que era unha idea bonita, pero non esperabamos esta resposta", admite Rodríguez. A aplicación empezou a circular polo instituto e acabou xerando unha pequena competición constante entre alumnado e profesores. "Había docentes que nos dicían que remataban as clases xogando unha partida. Incluso algún xogaba na casa cos fillos".

O premio colleunos sen esperalo. "Sabemos que nos institutos hai proxectos moi bos e moito traballo detrás. Non pensabamos chegar tan lonxe", admite. Agora a páxina web segue dispoñible gratuitamente en internet e pode xogarse sen rexistro. Mentres tanto, no Fernando Wirtz xa pensan no seguinte reto. A idea pasa por colaborar con outros centros educativos e desenvolver un novo proxecto con temática relacionada coa doazón de sangue.

ArgaQuest xa pensan no seguinte paso. "Cando ves que algo así conecta coa rapazada, danche ganas de seguir creando", conclúe Rodríguez.

Tracking Pixel Contents